lunes, 29 de marzo de 2010

Visitas ás areeiras recuperadas (os humedais de Sandiás)




Desde o punto de vista medio ambiental a visita ó Centro queda incompleta sen visita-las Areeiras de Sandiás, que son areeiras abandonadas recuperadas ambientalmente para a flora e a fauna situadas a 5 Km da Casa da Lagoa. Nestes humedais podense observa-las aves a través de dous miradoiros de fauna instalados na zona.


É importante destacar que parte dos elementos do antigo ecosistema húmido manteñense na actualidade na mesma chaira que ocupou a lagoa de Antela, que constitúe unha área vital de invernada para moitas especies raras e ameazadas que atopan nas areeiras da Limia un lugar como refuxio, nidificación e alimento. Unha causa disto foi a explotación de áridos no concello de Sandiás que creou moitas pequenas lagoas que, unha vez cesada a extracción, eran abandonadas. Ante esta situación xurdiu por parte da antiga Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, actualmente Consellería de Medio Ambiente, o establecemento dun proxecto de restauración para as graveiras abandonadas. O obxectivo principal é crear hábitats naturais, aproveitando os ocos resultantes da extracción de áridos, o que permite crear un humidal, de orixe artificial, de gran importancia ecolóxica para a conservación da biodiversidade. Isto fai posible a creación dun itinerario formativo formado polo centro e as lagoas recuperadas.

O obxectivo deste centro é o de transmitir dunha forma amena e comprensible os valores naturais e culturais da zona da antiga lagoa de Antela, e fomentar nos visitantes un desexo de conservación e dun maior coñecemento, para xerar actitudes e comportamentos positivos cara ó noso rico patrimonio cultural e natural, moitas veces ó longo da historia menosprezado e que hoxe é imprescindible dalo a coñecer para pólo en valor, e así contribuír á dinamización do noso rural.

O réxime de visitas é de visitas concertadas, podendo conseguir información sobre estas e do centro na web oficial do Concello de Sandiás (http://www.sandias.es/) ou a través do telefono do Concello: 988 465 001.

Actividades extraescolares na Casa da Lagoa de Antela




A Casa da Lagoa é un centro de interpretación que se abriu a mediados do ano 2008 nunha antiga casa labrega no centro da vila de Sandiás (A Limia - Ourense) coincidindo cos 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela (1958-2008).


Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, a súa desecación nos anos 60, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.


Para iso preténdese levalo cabo a través de modernos soportes audiovisuais (cámaras teledirixidas para observar o que está a acontecer nos humedais, breve documental sobre a lagoa de Antela e do patrimonio historico-artístico da zona, etc.), paneis interpretativos, explicacións didácticas, etc. Por medio destes recursos os alumnos e visitantes poderán observar e coñecer a gran diversidade de aves que habitan de forma esporádica ou permanente na nosa comarca, tentando con isto incrementar a sensibilidade medioambiental, así como implicar ós rapaces/as na salvagarda do noso patrimonio cultural e medioambiental.

Co noso eslogan ¨Vennos descubrir¨, é o que pretendemos dende este concello, que veñan a visitarnos e a descubrir a memoria da lagoa de Antela en Sandiás.

Máis información da lagoa de Antela:

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=13387Antela

http://www.culturapopulardesandias.com/

Web oficial do Concello de Sandiás: http://www.sandias.es/

Para concertar as visitas ou recibir máis información sobre o centro poden pórse en contacto coa persoa do Concello de Sandiás encargada das visitas a través do telefono (988) 46 50 01 ou do enderezo de correo electrónico: casadalagoadeantela@yahoo.es

Mapa de situación da Casa da Lagoa: http://www.tagzania.com/item/74136

Particularidades:

Prezo: 1 euro. Visita guiada.
Prezo - Grupos de 10 a 20 persoas: 12 euros. Visita guiada.
Prezo - Grupos de 21 a 25 persoas: 18 euros. Visita guiada.

Biblioteca de publicacións en PDF relacionadas co concello de Sandiás


Issuu é unha biblioteca comunitaria onde os usuarios envian os seus PDF. Nesta biblioteca virtual aparecen publicacións relacionadas co concello de Sandiás e coa Lagoa de Antela, como poden ser artigos sobre o primeiro proxecto de desecamento da lagoa de Antela no século XVIII, carteis da xornada sobre os 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela , artigos sobre os 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela, postal da torre do Castro, artigos sobre a torre do Castro, etc.

Todo isto podese ver en: http://issuu.com/torredocastro

Descrición da lagoa de Antela no ano 1931 por un veciño de Sandiás


“A xa nomeada carretera que vai pra Xinzo, un Km. despois de Coalloso, alcóntrase coa Veiga (Lagoa de Antela) e crúzaia n´unha extensión de dous Km. e medio; o ir a dereita qued´a veiga de Couso, e a esquerda empeza a estenderse a veiga de Sandiás con distintos nomes (o Areal, Antela, Arrotea, Valadiño, o Teso; e despois a das Pegas, a de Cardeita, etc.) todas sen límites señalados e fixos.

Perpendicular a carretera (e por tanto na maior extensión) estendes´a ¨ría¨ (Río de pouca corrente, pantanoso, e soparado en dous por unha govia de trozos discontinuos) n´ela hai unha especie de xuncos chamados ¨o vión¨ que moito é segado e traido pra botar na corte e faguer esterco, i´encanto esta na Veiga cómeno as vacas. Esta ¨ría¨ que no inverno ocupa casi tod´a Veiga e no verán ven a desaparecer por completo quedando sólo algunhos pantanos, sopara dúas partes distintas, ¨o Cabo d´Arriba¨ (N.) e ¨o Cabo d´Abaixo; este tamén está dividido en dous por unha demarcación, o N. pertence co ¨Cabo d´Arriba¨ ós pobos indicados, e o S. pertence a Xinzo, Baronzás, Morgade, Pena...

Dende sempre, o vir a primaveira, que vai quedando reducid´o domiño das augas, mantén bos rebaños d´ovellas e alí pacen tamén tod´o día as vacas dos veciños que se adican a labregos, como é de suponer, todos de quitado o cura e o maestro. Antes había tamén moitas bestas e boas ¨a herba d´a Veiga facialle noito ben á besta¨; pero, hoxe ise número xa é ben máis pequeno i´esta disminuindo, debido a que as mulas, e os cabalos non defenden por´o baixo precio que teñen na feira”.

Para máis información:

¨Resume xeneral de folk-lore de Sandiás¨

Urbano Santana
Revista Nós, xuño-setembro, 1931.

O grupo Flickr de Arquitectura tradicional galega supera as 4.000 imaxes

Capela do San Mateo en Vilariño das Poldras



Igrexa, reitoral e cruceiro de Santo Estevo de Sandiás


O grupo Flickr de Arquitectura tradicional galega supera xa os 500 membros e xa atesoura mais de 4.000 imaxes. Unha das principais motivacións deste arquivo fotográfico é que sirva para difundir e por en valor a nosa arquitectura máis tradicional, moita dela ameazada e vitima do abandono pola despoboación do noso rural.

Calquera pode contribuir o grupo subindo fotos do patrimonio arquitectónico tradicional galego (principalmente ARQUITECTURA SEN ARQUITECTOS) (Airas/eiras, alpendres, alvarizas, batáns, casas-vivendas, cerres, chozos, curros, fabricas de curtidos, ferrerías, fontes, fornos, hórreos, lavadoiros, muiños, oleiras, ouriceiras, palcos, palleiras/palleiros, pallozas, pendellos, pesqueiras, pombais, pontes (só pontellas, pasadoiros, ...), pozos, sequeiros, socalcos, telleiras, valados, etc), e petos de ánimas e cruceiros.

http://www.flickr.com/groups/arquitecturatradicionalgalega/

Máis información:

Unha iniciativa de Sandiás recupera a arquitectura popular de Galicia (A Voz de Galicia, 25/02/2010)
http://www.lavozdegalicia.com/ourense/2010/02/25/0003_8317258.htm?idioma=galego

O patrimonio galego en catro mil imaxes (Vieiros, 3/02/2010)
http://www.vieiros.com/nova/78170/o-patrimonio-galego-en-catro-mil-imaxes

Sae o número 3 da revista A Torre do Castro (Revista cultural e turística do Concello de Sandiás)


Neste número seguimos dando a coñecer aspectos relacionados coa historia da lagoa de Antela, neste caso por medio dun artigo que nos fala do primeiro proxecto de desecamento da lagoa presentado a mediados no século XVIII pola Academia de Agricultura do Reino de Galicia que foi publicado nunha versión máis extensa na revista Lethes. Así mesmo facemos unha breve biografía dos primeiros emigrantes de Sandiás en América, Alonso de Santana e frei Xosé Seguín, nuns séculos nos que a emigración galega cara a ese continente era moi puntual. Nos artigos dedicados o noso patrimonio histórico-artístico falamos das igrexas das tres parroquias do noso concello, así como da Pedra Alta, un dos símbolos da Limia. Na recompilación de vellos artigos dedicados ó noso pasado máis cércano, botamos man dun artigo publicado por Vicente Risco no ano 1957 na revista Vida Gallega no que se nos fala da Limia de antes do desecamento da lagoa de Antela. No apartado dedicado ó noso patrimonio inmaterial seguimos tendo as lendas sobre mouros, encantamentos e o San Bieito da Uceira que foron publicadas na revista Nós no ano 1931 polo veciño de Sandiás, Urbano Santana.

Rematamos este terceiro número cunha mostra de vellas fotografías, xentileza dos veciños de Piñeira de Arcos, Luís Otero e Gil Otero, así como un fotograma do documental ¨Un viaje por Galicia¨ (Luís R. Alonso, 1929) no que aparece unha vista da torre do Castro, co que seguimos afondando na creación dun arquivo da memoria colectiva do noso concello.

Dende o Concello de Sandiás queremos que este segundo número da revista sexa un bo referente para recupera-la nosa memoria histórica e nos axude a potenciar e valoriza-lo noso rico patrimonio cultural e natural.

A revista esta a disposición de tódolos interesados, ademais de en papel, en formato PDF na web oficial do Concello de Sandiás (http://www.sandiás.es/) no apartado dedicado á revista cultural e turística do concello.

Actividades de promoción


É innegable que a posta en valor do noso patrimonio rural ten que vir acompañada de accións para dar a coñecer e valorar este patrimonio primeiramente entre os veciños, e logo entre os posibles visitantes. Para iso o Concello de Sandiás organizou unhas xornadas de portas abertas para que todos aqueles veciños que así o desexaron achegáronse a visita-lo centro de interpretación e así podelo coñecer de primeira man. Así mesmo, realizáronse outras accións divulgativas relacionadas coa promoción do noso patrimonio histórico-artístico, destacando entre estas a solicitude á Fundación ONCE por parte do Concello de Sandiás para a emisión dun cupón co gallo do 400 aniversario do remate do retablo de Santo Estevo de Sandiás (1607-2007), obra na que traballou un dos mellores artistas do século XVII en Galicia, o escultor Francisco de Moure.

No último trimestre do ano 2009 o Concello de Sandiás puxo en marcha unha serie de actividades destinadas a dar a coñecer o seu rico patrimonio entre os seus veciños e os seus visitantes. Primeiramente a través da edición do número tres d´A Torre do Castro, a revista cultural e turística do Concello de Sandiás que sae a finais de cada ano, e posteriormente coa edición dun novo folleto turístico e do calendario 2010 co fin de promocionar o concello baixo o eslogan de ¨No corazón da Antela¨.

Coa edición dos folletos turísticos trátase de que os visitantes coñezan o patrimonio histórico – artístico, así como o cultural e natural do concello de Sandiás, a oferta de restaurantes, bares, etc., ademais doutros equipamentos que existen no concello para os visitantes, como por exemplo, o Hipódromo de Antela.

Con respecto ó calendario do ano 2010, nesta ocasión está dedicado a dar a coñecer as diferentes igrexas e cruceiros das parroquias do concello, para desta forma promocionar o patrimonio histórico-artístico do concello entre os veciños e os emigrantes, xa que se lles enviará tamén a eles. É importante destacar que o concello fomente o coñecemento do seu patrimonio non só cara ó exterior, senón cara ás xentes do propio concello, para que valoren o seu patrimonio e contribúan así a súa salvagarda.

Este material pretende ser un escaparate das parroquias e poboacións do concello de Sandiás e unha invitación a coñecer os seus lugares de interese, así como revalorizar entre os seus habitantes o patrimonio histórico-artístico que atesoura o concello.

Outra importante novidade é que toda esta información (os números das revistas, folletos, etc.) está a disposición de calquera interesado na web do Concello de Sandiás: http://www.sandias.es/

Dinamización da Casa da Lagoa


Para a dinamización do centro botouse man da formula dos ¨voluntarios culturais¨, que a figura máis indicada para transmitir a cultura e as tradicións do territorio.

Neste intre os encargados de mostrar a Casa da Lagoa son algúns membros da Asociación Cultural Amigos da Casa da Lagoa, asociación que ten como un dos seus obxectivos a dinamización e o apoio á Casa da Lagoa.

Neste centro así como na Casa da Cultura do Concello de Sandiás desenvolvéronse algunhas das accións de sensibilización, dinamización e formación sobre os recursos patrimoniais da comarca, como por exemplo, a xornada sobre os 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela (1958-2008), que reuniu a especialistas da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), así como outros profesionais e xente interesada en coñecer un episodio da nosa historia.

Dende a nosa asociación cremos que a visita ó centro de interpretación da lagoa de Antela axuda a cumprir os obxectivos de dinamización do noso rural, e contribúe a fomentar o coidado do medio ambiente e a gozar da paisaxe e do contacto coa natureza, así como coñecer e interpretar o noso patrimonio histórico-artístico, e o patrimonio natural e etnográfico.

Visitantes na Casa da Lagoa




Con respecto ós visitantes que este ano se achegaron a coñecer o noso concello, coa súa visita á Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela), desde o mes de xuño de 2008 ata o mes de xuño do ano 2009 contabilizáronse un total de 786 visitantes.

A maioría destas visitas están compostas por colexios e institutos da provincia de Ourense, pero tamén houbo doutras provincias, como foi o caso do Instituto de Baio (Zas - A Coruña) e o Instituto de Ponteareas (Pontevedra) (Visitáronnos, por exemplo: CEIP Laureano Prieto (A Gudiña), CEIP Vila do Arenteiro (O Carballiño), CEIP de Maside, CEIP de Rairiz de Veiga, etc.) pero tamén tivemos visitas de: asociacións de mulleres rurais (Asociación de Mulleres Rurais de Ramirás (Ourense)), asociacións ecoloxistas (Verdegaia), asociacións culturais (Asociación de Amigos da Barreira (Ourense), Asociación de Amigos dos Museos de Galicia (A Coruña)), asociacións veciñais (Asociación de Veciños da Lourenzá (Lugo)), profesores e alumnos da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo) e de Vigo (Campus de Ourense)(Escola de Técnicos Forestais (Universidade Politécnica de Lugo), Facultade de Educación Social (Ourense)), escolas de adultos (Escola de Adultos da Coruña), asociacións de turismo rural (Asociación de Turismo Rural Limia Verde (Ourense)), e grupos de persoas e familias que proveñen de Santander, Barcelona, Vigo, etc.).

A historia da lagoa de Antela a través da Casa da Lagoa

Casa da Lagoa de Antela (Sandiás)

Á hora de diferenciarse dos concellos da nosa provincia, o Concello de Sandiás optou pola creación dun produto turístico que ten como fio condutor a historia da lagoa de Antela.


Obviamente, a lagoa de Antela deixou de existir hai bastante tempo, mais para dala a coñecer botamos man da interpretación. A interpretación é a ferramenta de que dispomos para facer accesible intelectualmente un ben a un visitante, que moi probablemente non teña as claves suficientes para poder gozar daquilo que está contemplando.

Para iso, no centro da vila de Sandiás desde xuño de 2008, no que era a antiga marxe noroeste da Lagoa de Antela, unha antiga casa labrega acolle o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. O Concello de Sandiás púxoo en marcha tras ser aprobada unha iniciativa Leader II Val da Limia, coa que se buscaba “dinamizar os núcleos rurais con propostas culturais dun claro interese turístico”. Son cinco salas de exposición máis outras cos servizos habituais nos centros de interpretación (proxeccións, salas de xogos, etc.) nas que se “pretende amosar ós visitantes os cambios acontecidos na comarca da Limia a través dun percorrido pola Lagoa de Antela, a recuperación das areeiras abandonadas, o patrimonio inmaterial e a etnografía”.
Primeiramente visualizase un documental dividido en tres partes: 1. A Lagoa de Antela (Formación, desecación, etc.), 2. Patrimonio histórico-artístico da zona, 3. As areeiras (proceso de recuperación medioambiental das areeiras abandonadas despois da extracción de áridos, etc.).

Logo ofréceselle ós visitantes unha visita didáctica a través das diferentes salas do centro onde se lle explican ós visitantes aspectos relacionados coa desecación da lagoa de Antela, a vida cotía na Limia antes do desecamento (etnografía: apeiros de labranza, o muíño e a forxa da casa), explicación sobre as lendas da lagoa de Antela, etc.).

Desde o punto de vista medio ambiental a visita ó centro queda incompleta sen visitar as Areeiras de Sandiás, que son explotacións de áridos abandonadas logo da extracción de area para uso comercial e recuperadas medioambientalmente por medios artificiais para a flora e a fauna, situadas aproximadamente a 5 Km da Casa da Lagoa. Nestas areeiras poden observar as aves a través de dous miradoiros de fauna instalados na zona.

A lagoa de Antela


Na comarca da Limia existiu ata hai unhas décadas a lagoa de Antela, unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica. Esta lagoa atesouraba unha gran riqueza arqueolóxica, paisaxística, histórica, toponímica, etc., e unha flora, fauna e folclore característicos. Tiña 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que dependendo da época do ano, variaban esas dimensións, así como a súa profundidade, que normalmente tiña unha media de 0,60 metros chegando nalgúns ¨pozos¨ ata os tres metros. Un índice da súa importancia excepcional eran os miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano.

Innumerables foron os intentos de desaugamento e aproveitamento das súas terras para o labradío ata o seu definitivo desecamento polo Instituto Nacional de Colonización a partir do comezo das obras no inverno do ano 1958.

Sandiás. No corazón da Antela


Situación

O concello de Sandiás está situado no sueste da provincia de Ourense e forma parte da comarca natural da Limia. Ten unha superficie de 53 Km e ocupa, en gran parte, as terras da desecada lagoa de Antela. Limita polo norte cos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía, polo sur co de Xinzo de Limia, polo leste con Xinzo de Limia e Sarreaus, e polo oeste con Vilar de Santos.

O concello está constituído por unha zona montañosa, con altitudes que oscilan entre os 700 e os 900 metros nos montes de Cantariñas (893 m.), Souteiro, Nogueira, os montes–illa de Coalloso e O Castro, e unha gran chaira que ocupaba na súa gran parte a lagoa de Antela. Nesta localízanse a maior parte das vilas e das explotacións agrícolas máis rendibles e produtivas.

O concello atópase ben comunicado, as súas principais vías de comunicación constitúenas a estrada nacional N-525 e a autovía A-52, que atravesan o concello en sentido noroeste-sueste.

A súa capital municipal dista da cidade de Ourense 33 Km, 6 Km da vila de Xinzo de Limia e 13 Km da vila de Allariz.

Breve análise socioeconómico

Este concello conta na actualidade cunha poboación de 1.498 habitantes (IGE, Padrón de habitantes ano 2008) distribuída en 18 núcleos de poboación que se agrupan en tres parroquias: Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Couso de Limia.

É un municipio que se caracteriza por ser esencialmente agrícola, os seus principais cultivos son a pataca e os cereais. Neste concello dáse unha clara contraposición entre a parte noroccidental, montañosa, dedicada á producción forestal, e as restantes, chás, dedicadas a cultivos agrícolas

Proba da súa orientación cara á cultivos agrícolas é o aproveitamento do 50% das terras labradas. O concello de Sandiás xunto co de Xinzo de Limia, abranguen o 88% do total da superficie comarcal dedicada ó cultivo da pataca por agricultores a título principal. As súas explotacións teñen maior tamaño cás que son habituais en Galicia debido ás grandes parcelas produto do desecamento da lagoa de Antela e á concentración parcelaria posterior. O nivel de mecanización é un dos máis altos de Galicia

Nos derradeiros anos destaca a súa orientación cara á gandería intensiva coa construcción de numerosas granxas pertencentes ó grupo empresarial COREN. É tamén coñecido pola industria extractiva de áridos, xa que a práctica totalidade das areeiras da Limia se sitúan neste concello. Esta area é moi apreciada para a construcción e fornecen toda Galicia e o norte de Portugal.