viernes, 30 de abril de 2010

Os máis de 400 anos do retablo de Santo Estevo de Sandiás (1607-2010)



O retablo de Sandiás realizouse entre os anos 1603 e 1607, é esta a data que podemos contemplar no alto do retablo e que apareceu durante as obras de restauración a que foi sometido hai uns poucos anos e nas que o retablo recuperou as súas antigas cores e as pinturas orixinais.

O retablo de Sandiás é uns dos poucos retablos tardomanieristas que chegou ata nós completo, seguindo un modelo de moda naquel momento imposto polo retablo do Escorial. Nel traballou Francisco de Moure*, un dos mellores artistas galegos do primeiro terzo do século XVII, sendo unha das obras mais importantes da primeira etapa deste escultor.


Consta dunhas imaxes dotadas dunha grande forza expresiva na que xa se adiviñan os innovadores aires do novo estilo que chegaría anos máis tarde a Galicia e que tería unha grande importancia na nosa arte: o barroco.

Consta de 2 corpos, 3 rúas e un ático. Destacan no primeiro corpo san Pedro e san Paulo e no segundo san Francisco, santo Estevo e san Lourenzo. De grande interese son o conxunto de pinturas manieristas localizadas na base do retablo (a Anunciación, a Visitación, os catro doutores da Igrexa, e varias santas (santa Bárbara, santa Lucia, santa Apolonia de Alexandría, santa Catalina de Alexandría)) realizadas por un pintor descoñecido, ademais de varias pinturas que saíron a luz despois de restaura-lo retablo.


*Francisco de Moure (1577-1636): escultor ourensán que facilitou o tránsito en Galicia do manierismo ó barroco. Naceu contra 1577 en Santiago de Compostela. Moi cedo trasladaríase a Ourense, onde descubriría por medio do seu avó materno, canteiro de profesión, a súa vocación artística. Viaxou a Castela, onde coñeceu os traballos de xente que deixarían unha fonda pegada nel, como Berruguete e Juan de Juni. En 1598 comeza a traballar como escultor independente. Nesta primeira etapa destaca o seu traballo no retablo maior de santo Estevo de Sandiás. Máis adiante realizaría a súa obra máis importante, o cadeirado do coro da catedral de Lugo (1621-1624). Ó rematar o coro lucense, contrátano en Monforte para a realización do retablo da capela maior da igrexa dos Xesuítas onde o sorprendeu a morte en 1636, polo que concluirá a obra o seu fillo Francisco.

martes, 27 de abril de 2010

¨Antioquia¨


"No lugar que oxe ocupa a lagoa de Antela houbo, n-outros tempos unha cidade chamada Antioquia. Era a meirande que se conecia e a máis rica. Pro a súa riqueza e o seu grandor foron a sua perda. Trocouse soberbia. Os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén.

Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquia na figura dun esmolante e tentou a caridade dos antioquiaus. Percorreu a cidade enteira da primeira á últema casa pedindo esmola, e non achóu a ninguén que xiquera lle dixese: ¨Deus te axude¨. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre unhos carballos viu unha casarella ca porta suchouza e unha velliña, mui velliña, agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba qu-aquecía. Xesús arrimouse e pregou:

-Unha esmola pol-o amor de Deus.
-Pase quen sexa, dixo a velliña.
E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume, e muxiu unha cabra que tiña e déulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E dispoixas deitouno na súa camiña chea de farrapos que tiña nun canto da chouza. Elí durmiú Xesús e a vella pasou a noite á beira do lar tremendo co friu, pois a leñiña acabárase e o borrallo xa non quentaba.

Cando a alba do día espertou Xesús dixolle á velliña:

-Ven. Quero que olles o que foi de Antioquia.

E a Velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquia estendíase unha lagoa que asulagaba o pobo. E naide se salvara fora da velliña, nin xente nin animais. E a velliña, tremando, demandoulle a Xesús:

-Pro… porque aconteceu isto con Antioquia…
-Po-los seus pecados, pol-as suas iniquidades.

En-aquel mesmo día se soubo a nova terrible por todal-as terras pois os paxaros que alí moraban fuxiron a outros lugares, e iban dicindo pol-o ar:

-Que se fonde Antioquia…que se fonde Antioquia…

E ainda está alí, asulagada, a cidade. Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá abaixo, mui fondo, albíscase o campanario da eirexa. E a noite do Natal, ás doce en punto, ouvense cantar os galos¨.

“Contos populares da Terra: Antioquia”
Laureano Prieto
La Región, 03/09/1958

lunes, 26 de abril de 2010

O primeiro intento de desecamento da lagoa de Antela pola Academia de Agricultura do Reino de Galicia (1765)

Para os ilustrados do século XVIII, a agricultura é o mais sólido fundamento do progreso económico e social, por iso unha das súas principais preocupacións vai ser a mellora da agricultura. Os ilustrados analizaran continuamente a situación da agricultura galega, sobre todo os atrancos para o desenvolvemento desta. Proba desde interese vai ser a creación, en 1765, da Academia de Agricultura de Galicia na Coruña. O seu principal obxectivo vai ser ¨investiga-las causas da decadencia da agricultura nas sete provincias do reino de Galicia¨. Unha das principais preocupacións da ilustración é a recuperación para o labradío das terras improdutivas, polo que non podían pasarlles desapercibidas as terras da Limia, asolagadas pola lagoa de Antela. Lamentablemente, nesta iniciativa e noutras, a nobreza, que era a que tiña o dominio das terras, non tiña ningún interese en realizar cambios nin modernización ningunha, polo que a Academia tivo unha escasa repercusión, desaparecendo no ano 1774. Para coñecer algunha das causas pola que esta institución non tivo apenas repercusión, abóndanos con reproducir o que sobre ela escribiu o Padre Sarmiento:

¿Quen persuadirá ós labregos galegos que lles sexa útil unha Academia de Agricultura, fundada no lugar mais areoso, e estéril de Galicia, como é a Coruña; e onde os máis dos habitantes son homes de preitos, e de pluma; ou son de espada, e de milicia; ou son de bolsa, e de comercio; ou son unha tropa de estranxeiros acabados de chegar a Galicia, que nin saben unha verba nin un verbo da lingua galega, tan precisa para falar cos labregos galegos? ... que se poderá esperar deles, e dos éstranos, para a Agricultura, e Historia Natural de Galicia¨.

O principal animador desta foi o Intendente do Reino, marqués de Piedrabuena, e o seu principal impulsor, Xosé Cornide, secretario dela. Xosé Cornide foi unha figura imprescindible na ilustración en Galicia, a imaxe do ilustrado galego por excelencia.

martes, 20 de abril de 2010

A necesidade da creación dun ¨Lobby¨da Galicia interior ou rural

A vila de Sandiás desde a pista das Pegas

A provincia de Ourense é sen dubida un caso moi representativo dos problemas que afronta a cohesión territorial en toda a Unión Europa. A cohesión territorial significa o desenvolvemento equilibrado para tódolos territorios, e o acceso xeneralizado a un mínimo nivel de servizos de interese xeral para tódolos cidadáns deses territorios. Para que exista cohesión territorial é necesario corrixir o desequilibrio territorial que afecta ás provincias da Galicia interior, principalmente Ourense. O emprego por parte da Unión Europea de indicadores a nivel rexional (NUTS II) non fai máis que maquillar unha dura realidade, que achanta o desequilibrio existente entre a Galicia costeira e a Galicia interior.


Índice de envellecemento[1]
Galicia (NUTS II): 136,7
Ourense (NUTS III): 209,8
Idade media[2]
Galicia: 44,6
Ourense: 48,3
% PIB Rexional[3]
Galicia: 100
Ourense: 12
Taxa bruta natalidade[4]
Galicia: 7,8
Ourense: 6,1
Dispersión demográfica[5]
(% poboación en municipios de menos de 5.000 habitantes)
Galicia: 22
Ourense: 45


Fonte: IGE, INE.

A sociedade, en xeral, ten que comezar a ver e valorar as importantes achegas do rural, unhas contribucións que van máis alá dos sectores produtivos ligados ó sector primario, xa que se inclúen funcións de carácter económico, medioambiental e sociocultural. O mundo rural é unha parte vital na conservación do patrimonio natural, por exemplo, da paisaxe, así como un referente do rico patrimonio cultural europeo fronte á globalización, ademais é imprescindible na consecución dun obxectivo como é o desenvolvemento sostible; non esquezamos que no rural vive o 20% da poboación europea, poboación que xestiona o 80% do territorio.

Para rematar con este artigo, hai que dicir que no rural queda moito por facer, mais esperemos que a Galicia interior comece a coñecer e a ter en consideración unha verba de orixe inglesa como é ¨lobby¨.


Lobby: palabra inglesa utilizada para designar un grupo de presión que opera sobre os poderes públicos, a fin de reorientar as súas decisións a favor duns determinados intereses.
Cabildear: xestionar con actividade e maña para gañar vontades nun corpo colexiado ou corporación.


[1] Fonte: IGE (2008) (http://www.ige.eu/ )
[2] Fonte: IGE (2008) (http://www.ige.es/ )
[3] Fonte: INE (http://www.ine.es/ )
[4] Fonte: IGE (2007) (http://www.ige.eu/)
[5] Fonte: INE (2007) (http://www.ine.es/)

viernes, 9 de abril de 2010

A importancia das redes

A torre do Castro

Dende a nosa asociación cultural somos conscientes de que existe unha clara demanda dos chamados bens sociais (medio ambiente, historia e cultura), e estes bens, na súa maioría son patrimonio do noso rural. Na posesión destes bens pode estar o futuro deste medio. Mais para que sexan útiles han de ser xestionados con criterios de sostibilidade, así como dotalos dunha visibilidade, cousa que non é doada para os pequenos concellos do interior da nosa terra.

Obviamente, tamén somos conscientes de que un concello do rural do interior de Galicia non pode promocionarse por si só, senón que ten que apoiarse nunha rede de concellos que busquen un mesmo fin, como por exemplo, unha rede de concellos que busquen promocionar e pór en valor unha parte do seu patrimonio histórico-artístico para poder con iso realizar accións de promoción conxuntas, e así relanzar as zonas rurais.


Hai que lembrar que estamos a falar dun mundo rural vivo, que neste intre mantén unha personalidade propia, un ambiente particular e unha paisaxe característica que non é preciso, polo menos de momento, tematizar artificialmente.

A participación dos pequenos concellos en asociacións, etc., é unha das maneiras de que estes se fagan visibles, xa que por separado esto seria imposible. É importante que existan redes, asociacións de concellos, etc. que dinamicen o noso rural tan necesitado de accións que broten de abaixo a arriba (non que broten e veñan impostas desde arriba desde zonas alleas ó noso rural) para tratar de pór en valor, por exemplo, un patrimonio infrautilizado, como son as fortalezas galegas.


Con relación a isto último, unha das asociacións que acaba de nacer é a Asociación de Concellos con Castelos, Torres e Enclaves Históricos, á que o Concello de Sandiás solicitou a súa incorporación para participar en accións para dar a coñecer e pór en valor a torre de Sandiás, ou como é coñecida polos veciños, a torre do Castro. Esta asociación deu un dos seus primeiros pasos na xornada ¨O pasado ten futuro¨, organizada conxuntamente coa Consellería de Cultura que tivo lugar na illa de San Simón o pasado 18 de novembro, contando coa participación do conselleiro de Cultura e a secretaria xeral de Turismo entre outros participantes.

Esta asociación recén creada pretende desenvolver o mesmo que xa se vén realizando en Europa hai moitos anos. En moitos países europeos o patrimonio arquitectónico serve para desenvolver políticas turísticas e culturais arredor das fortalezas medievais, como por exemplo en Escocia, Alemaña, etc. , contribuíndo desta maneira a dinamizar o rural, ofrecendo produtos turísticos moi apreciados polos visitantes.


Obviamente, no caso galego, agás honrosas excepcións, este patrimonio esta infrautilizado, cando non en pésimas condicións de conservación, como ben recoñece un informe publicado recentemente.

jueves, 8 de abril de 2010

Alumnos da Universidade de Vigo coñecerán en Sandiás a historia da lagoa de Antela

Vista aérea da lagoa de Antela antes do seu desecamento


Autocolante da Casa da Lagoa de Antela co eslogan ¨Vennos descubrir¨

Un total de 150 alumnos do Campus de Ourense visitarán a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela) e as areeiras recuperadas no concello de Sandiás.

Un primeiro grupo composto por 50 alumnos da Universidade de Vigo visitará as instalacións da Casa da Lagoa en Sandiás o vindeiro sábado 10 de abril, máis adiante o resto dos alumnos visitarana en maio, onde coñecerán de primeira man a historia do desecamento, o antes e o despois, dunha das lagoas máis grandes do sur de Europa.

A Casa da Lagoa de Antela, situada no centro da vila de Sandiás, no que era a antiga marxe noroeste da Lagoa de Antela, é unha iniciativa do Concello de Sandiás posta en marcha tras ser aprobada unha iniciativa Leader II Val da Limia, coa que se buscaba “dinamiza-los núcleos rurais con propostas culturais dun claro interese turístico”. Son cinco salas de exposición máis outras cos servizos habituais nos centros de interpretación (proxeccións, salas de xogos, etc.) nas que se “pretende amosar ós visitantes os cambios acontecidos na comarca da Limia a través dun percorrido pola Lagoa de Antela, o seu desecamento a partir do comezo das obras no inverno de 1958, o posterior inicio da extracción de area, e recuperación das areeiras abandonadas, o patrimonio inmaterial e a etnografía”.

O obxectivo do centro de interpretación da lagoa de Antela é dinamizar ¨in situ¨ uns recursos naturais, culturais, monumentais, etc., polo que desde o punto de vista medioambiental a visita ó Centro queda incompleta sen visita-las areeiras de Sandiás, que son areeiras abandonadas recuperadas ambientalmente con medios artificiais para a flora e a fauna situadas a 4 km da Casa da Lagoa. Nestas areeiras os alumnos poderán observa-las aves a través de dous miradoiros de fauna instalados na zona, así como coñecer os procesos de recuperación postos en marcha para a recuperación dalgunha areeira abandonada logo da súa explotación.

O Concello de Sandiás é consciente de que o patrimonio rural galego (material e inmaterial) é un importante tesouro tanto para a nosa comunidade como un elemento básico de estabilidade social e un referente da nosa identidade, así como un valor engadido do noso territorio desde o punto de vista do desenvolvemento turístico, polo que é necesario pólo en valor a través de iniciativas que dean unha visibilidade ó noso patrimonio.

Dende o Concello de Sandiás crese que a visita ó Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, por parte dos alumnos da Universidade de Vigo, axudará a cumpri-los obxectivos de dinamización do noso rural, así como contribuirá a fomenta-lo coidado do medio ambiente e a gozar da paisaxe e do contacto coa natureza, así como coñecer e interpreta-lo noso patrimonio natural, histórico-artístico e etnográfico.

Desde a súa apertura en xuño de 2008 o centro foi visitado por numerosos alumnos dos colexios e institutos da provincia de Ourense, así como por grupos de alumnos das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela. As visitas á Casa da Lagoa son concertadas, calquera pode visita-lo centro, chamando ó Concello de Sandiás (teléfono 988 465 001) ou a traves da súa web: http://www.sandias.es/
Ligazóns da nova:
¨Centenar y medio de universitarios visitan el Centro de Interpretación da Lagoa de Antela¨(Ourense Dixital, 10 de abril de 2010)
¨Areneras con historia y encanto¨ (Faro de Vigo, 11 de abril de 2010)

lunes, 5 de abril de 2010

Os humidais en España

Areeira recuperada en Sandiás


En España no último medio século desapareceron máis do 50 % dos humidais que existían. A desecación dos terreos para cultivos agrícolas e a continua explotación foron algúns dos principais factores que causaron a degradación destes. Os humidais presentan condicións idóneas para que se asenten diferentes especies de animais, tanto vertebrados (anfibios,réptiles, peixes, mamíferos e, sobre todo, aves acuáticas), como invertebrados. De toda a fauna dos humidais son as aves as máis características. O 12 % das especies de aves mundialmente ameazadas dependen nalgunha fase da súa vida dos humidais e destas o 57 % habitan en lagos ou encoros, o 36 % en ríos e regatos e o resto en turbeiras, marismas e lagoas.

A Lagoa de Antela

Na comarca da Limia existiu ata hai unhas décadas a lagoa de Antela, unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica, tanto pola súa extensión –arredor dos 42 km cadrados –como pola súa riqueza: arqueolóxica, paisaxística, histórica, toponímica, etc., e a súa flora, fauna e folclore característicos. Un índice da súa importancia excepcional eran o miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano. Acerca dela contábanse infinidade de lendas, entre as máis fermosas estaba a da cidade de Antioquía, asolagada en castigo por idolatra-lo galo, e a dos ameazadores mosquitos cínifes, que eran o rei Artús e os seus soldados que estaban enmeigados naquela veiga.

Logo de innumerables intentos de desaugamento, en 1956 declarouse por Lei de 27 de decembro de alto interese nacional a colonización e saneamento da lagoa de Antela, o que provocaría a destrución do humidal e a súa transformación en terreos de labradío. O día 8 de setembro de 1958 deron comezo as obras iniciadas co encauzamento de 6,6 km do río Limia, que se continuarían con 7,5 km do emisario da lagoa, e a partir de 1962, coa construción de 10km canles-dren no interior desta, para logo continuar coa construción dos desaugues terciarios, camiños, etc., ata a entrega das parcelas ós colonos a principios dos anos 70.
Artigo extraido do númeo 2 da revista cultural e turística do concello de Sandiás ¨A Torre do Castro¨