A importancia das redes

A torre do Castro

Dende a nosa asociación cultural somos conscientes de que existe unha clara demanda dos chamados bens sociais (medio ambiente, historia e cultura), e estes bens, na súa maioría son patrimonio do noso rural. Na posesión destes bens pode estar o futuro deste medio. Mais para que sexan útiles han de ser xestionados con criterios de sostibilidade, así como dotalos dunha visibilidade, cousa que non é doada para os pequenos concellos do interior da nosa terra.

Obviamente, tamén somos conscientes de que un concello do rural do interior de Galicia non pode promocionarse por si só, senón que ten que apoiarse nunha rede de concellos que busquen un mesmo fin, como por exemplo, unha rede de concellos que busquen promocionar e pór en valor unha parte do seu patrimonio histórico-artístico para poder con iso realizar accións de promoción conxuntas, e así relanzar as zonas rurais.


Hai que lembrar que estamos a falar dun mundo rural vivo, que neste intre mantén unha personalidade propia, un ambiente particular e unha paisaxe característica que non é preciso, polo menos de momento, tematizar artificialmente.

A participación dos pequenos concellos en asociacións, etc., é unha das maneiras de que estes se fagan visibles, xa que por separado esto seria imposible. É importante que existan redes, asociacións de concellos, etc. que dinamicen o noso rural tan necesitado de accións que broten de abaixo a arriba (non que broten e veñan impostas desde arriba desde zonas alleas ó noso rural) para tratar de pór en valor, por exemplo, un patrimonio infrautilizado, como son as fortalezas galegas.


Con relación a isto último, unha das asociacións que acaba de nacer é a Asociación de Concellos con Castelos, Torres e Enclaves Históricos, á que o Concello de Sandiás solicitou a súa incorporación para participar en accións para dar a coñecer e pór en valor a torre de Sandiás, ou como é coñecida polos veciños, a torre do Castro. Esta asociación deu un dos seus primeiros pasos na xornada ¨O pasado ten futuro¨, organizada conxuntamente coa Consellería de Cultura que tivo lugar na illa de San Simón o pasado 18 de novembro, contando coa participación do conselleiro de Cultura e a secretaria xeral de Turismo entre outros participantes.

Esta asociación recén creada pretende desenvolver o mesmo que xa se vén realizando en Europa hai moitos anos. En moitos países europeos o patrimonio arquitectónico serve para desenvolver políticas turísticas e culturais arredor das fortalezas medievais, como por exemplo en Escocia, Alemaña, etc. , contribuíndo desta maneira a dinamizar o rural, ofrecendo produtos turísticos moi apreciados polos visitantes.


Obviamente, no caso galego, agás honrosas excepcións, este patrimonio esta infrautilizado, cando non en pésimas condicións de conservación, como ben recoñece un informe publicado recentemente.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)