sábado, 17 de noviembre de 2012

¨ANTIOQUIA¨

“No lugar que oxe ocupa a lagoa de Antela houbo, n-outros tempos unha cidade chamada Antioquía. Era a meirande que se conecia e a mais rica. Pro a sua riqueza e o seu grandor foron a sua perda. Trocouse soberbia. Os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén.

Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquía na figura dun esmolante e tentou a caridade dos antioquiaus. Percorreu a cidade enteira da primeira á últema casa pedindo esmola, e non achóu a ninguén que xiquera lle dixese: ¨Deus te axude¨. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre uns carballos viu unha casarella ca porta suchouza e unha velliña, mui velliña, agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba qu-aquecía. Xesús arrimouse e pregou:

-Unha esmola pol-o amor de Deus.

-Pase quen sexa, dixo a velliña.

E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume, e muxiu unha cabra que tiña e déulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E dispoixas deitouno na súa camiña chea de farrapos que tiña nún canto da chouza. Elí durmió Xesús e a vella pasou a noite á beira do lar tremendo co friu, pois a leñiña acabárase e o borrallo xa non quentaba.

Cando a alba do día espertou Xesús dixolle á velliña:

-Ven. Quero que olles o que foi de Antioquía.

E a Velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquía estendíase unha lagoa que asulagaba o pobo. E naide se salvara fora da velliña, nin xente nin animais. E a velliña, tremando, demandoulle a Xesús.

-Pro… porque aconteceu isto con Antioquia…

-Po-los seus pecados, pol-as suas iniquiedades.

E n-aquel mesmo día se soubo a nova terrible por todal-as terras pois os paxaros que alí moraban fuxiron a outros lugares, e iban dicindo pol-o ar:

-Que se fonde Antioquía…que se fonde Antioquía…

E ainda está alí, asolagada, a cidade. Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá abaixo, mui fondo, albíscase o campanario da eirexa. E a noite do Natal, ás doce en punto, óuvense cantar os galos”.


“Contos populares da Terra: Antioquia”
Laureano Prieto
La Región, 03/09/1958.




¨ANTIOQUIA¨(2)

“Dos pobos da parróquea é iste (Cardeita) o que s´alcontra máis cerca da Veiga e por eso teñen feito os vellos do pobo unhas escavaciós en busca d´aberes; pois dise que antiguamente había n´a Veiga unha ciudá (Antioquía) que tuvo Dios que castigala porque vindo por´o mundo pidindo unha limosna non alcontrou máis que unha familia que lla dira, que foi a que se salvou do alago mandada sair por Dios sin que volveran a cabeza pr´atrás; pero un da familia desacatou a orden do Noso Señor entonces volveuse pedra. Pero cando a xente iba co gando pr´a Veiga íballes verrecar ond´a pedra, que despóis foi recollida por´o convento de Trandeiras… Os de Cardeita alcontraron n´esas escavaciós unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras e non sei si outras cousas… Os autuales non dan razón de tales alcontros, sólo dín ¨contaban os vellos”.
¨Resume xeneral de folk-lore de Sandiás¨

Urbano Santana
Revista Nós, xuño-setembro, 1931.



¨ANTIOQUIA¨(1)

“Algún diravos que as súas lamecentas augas ocultan as torres dunha soberbia cidade fundada por Antíloco, tendo unha sorte parecida ás de Pentapoles na Palestina polo seu nefando crime á idolatría prodigada ó galo, figura que aínda hoxe se destaca nas torres e campanarios de Galicia. Outros que, ó reverberar dun sol lucente e límpido nun día primaveral, reflíctense nas súas satinadas augas a cúpula de edificios alí asolagados, con outras mil andrómenas que o sopro da ilustración se encargará de disipar no espacioso ambiente que as axita”.
O río Limia e os seus contornos (1879)
Benito Fernández Alonso

Traducción ó galego de Xavier F. M.

¨OS EXÉRCITOS ENCANTADOS DO REI ARTÚS¨(2)

“… e coa calor do sol no verán espállanse pola atmosfera unha nube inmensa de zoadores cínifes que mortifican de día e de noite, e non cabe existan en ningunha parte tantos nin tan carraxentos e sañudos. Á antiga superstición pagá sobre o eterno e universal esquecemento que producía o beber ou atravesar as augas do Leteo, o vulgo sempre crédulo e amigo do marabilloso, substituíu outra nos tempos cabaleirescos que aínda duraba ós principios do século XVI, de ser estes alados e armados insectos os exércitos encantados do rei Artús, transformacións das que falaron tanto os romances nacionais e extranxeiros”.


Memoria sobre o desaugadoiro da lagoa de Antela ou da Limia (1834)
Juan Manuel Bedoya

Traducción ó galego de Xavier F.M.



¨OS EXÉRCITOS ENCANTADOS DO REI ARTÚS¨(1)

“E unha era que como había moitos charcos e lameiros, chegado o verán saían deles tantos mosquitos cínifes que, erguéndose á posta do sol, pola veiga abaixo voando, resplandecían as ás que parecían armas, e os da terra que os vían dicían e afirmaban que era o rei Artús que estaba encantado co seu exército naquela veiga…, así ó crían porque dicían que seus pais e avós, e devanceiros así o dixeran e afirmaran. Estas e outras malicias, parvadas e pecados quitáronse e desterráronse co novo edificio”.

“Orixe, fundación e primeiros tempos do Bon Xesús de Trandeiras”
Boletín de la comisión de monumentos de Orense XI (1936-1939)
Manuscrito orixinal do s. XVI. Transcrición de Antonio Cruceiro Freijomil

Traducción ó galego de Xavier F. M.



¨DE COMO SE CREOU A LAGOA DE ANTELA¨

¨Cando os mouros estaban a facer a torre do Castro e a de Pena, só tiñan un martelo, polo que se arrebolaban con el dunha torre a outra para ir apuntalando as pedras. Ata que un día, nun deses lanzamentos, a un deles falláronlle as forzas, e o martelo caiu no medio do camiño entre as dúas torres, facendo un gran burato, onde escomenzou a brotar auga, dando lugar á que coñecemos (coñeciamos) como lagoa de Antela¨
Lenda popular de Sandiás - Recollida por Xavier F.M.