sábado, 28 de septiembre de 2013

Saiu o número 7 da revista cultural e turística do Concello de Sandiás: A Torre do Castro

Como tódolos meses de setembro nos últimos sete anos, saiu un novo  número, o  7,  da revista cultural e turística do Concello de Sandiás , que leva por titulo A Torre do Castro, símbolo por excelencia do noso concello e un dos monumentos máis emblemáticos da Limia.

Con esta publicación tentamos acercar ós visitantes e veciños á nosa historia e o noso patrimonio cultural, dándoo a coñecer primeiro entre nós mesmos e logo a todos aqueles que nos visiten.

Esperamos e desexamos que coa publicación deste novo número se contribúa a potenciar e valorizar o patrimonio cultural e natural dun pequeno concello da Galicia interior.

Neste novo número,  contamos con dous vellos artigos sobre a Lagoa de Antela publicados na revista Vida Gallega. No primeiro deles, Jaime Solá, o fundador da revista,  fálanos no ano 1913 dunha maneira bastante escéptica do potencial turístico da lagoa de Antela. No seguinte artigo de 1931, o matemático polifacético, Heliodoro Gallego, e membro da Sociedade Galega de Historia Natural de Santiago de Compostela, descríbenos a lagoa de Antela.

Falamos así mesmo, da nova sinalización turística da ruta das Torres da Limia, para o que contamos coa información recompilada nos paneis explicativos das tres torres aínda en pé na nosa comarca. Dedicamos, como xa é habitual,  un espazo ao deporte cunhas páxinas dedicadas á cuarta edición da Carreira Popular Torre do Castro, carreira que forma xa parte das probas clásicas que se celebran na provincia de Ourense.

Para rematar este número, expomos unha mostra de vellas fotografías dos veciños do concello de Sandiás , así como un dos Exemplos recitados á Virxe nos anos corenta na parroquia de Santo Estevo de Sandiás, recompiladas entre as veciñas que acudiron ás actividades de animación sociocultural celebradas nos centros sociais das tres parroquias do Concello de Sandiás durante o verán do ano 2012.

A revista podese ver en PDF no seguinte ligazón:http://issuu.com/torredocastro/docs/revistaatorredocastro2013