martes, 26 de agosto de 2014

A colleita etnógrafica de Urbano Santana (¨No fondo dos espellos¨. X.L. Méndez Ferrín)



O escritor X .L. Méndez Ferrín publicou o sabado na súa sección "No fondo dos espellos" do suplemento "El Sábado" de Faro de Vigo (23/08/2014) a súa opinión sobre o número 8 da revista cultural e turística do Concello de Sandiás, A Torre do Castro, no que aparece a colaboración do veciño de Sandiás, Urbano Santana, na revista Nós de 1931 co seu ¨Resume xeral do folklore de Sandiás¨. Podede-la ver eiqui.

¨Moitas grazas polo envío da revista. Ela, na súa totalidade, resulta sumamente interesante, tanto polos seus contidos, coma polo que se chamaba ¨presentación¨ e agora ¨deseño¨. Ten razón o seu director, Xavier Feixóo, en  concederlle moita importancia á recolleita etnográfica que fixera un mozo de Sandiás, e que foi publicada na revista Nós de Ourense na súa sección ¨Arquivo filolóxico e etnográfico da Galiza¨ en 1931. Pena que en cada unha das freguesías de Galicia non houbese un Urbano Santana, mozo e galeguista, que ordenase de recoller o corpus etnográfico, ou parte del, que estaba vivo na cultura das persoas nos anos da República. A lectura desa aportación etnográfica, feita agora n´A Torre do Castro, fíxome pensar como sería a vida do seu autor, Urbano Santana, que era mozo en 1931. Se cadra Xavier Feixóo queira satisfacer a nosa curiosidade. Tamén as miñas felicitacións ao Concello de Sandiás que propicia está excelente publicación¨.

X.L. Méndez Ferrín
¨No Fondo dos Espellos¨

(Suplemento ¨El Sabado¨. Faro de Vigo, 23 de agosto de 2014. 

jueves, 21 de agosto de 2014

O home-lobo na Fontela


¨Hay poucos anos, no 1924, iban dous homes pol-a estrada de Castela car´a Xinzo, baixando pol-a costa da Fontela, perto de Piñeira de Arcos, mismo entrando na Limia, e saíulles un lobo ô camiño, eso qu´´ainda era día. En toda aquela terra e ainda n´Ourense falouse moito d´aquelo, porque había tempo que non se lembraba qu´´andiveran os lobos tan bastos pra baixaren â estrada, e mais tan pasaxeira com´a aquela é. Un dos homes levaba unha carabina cargada e ô ver o lobo quixolle disparar, mais o tiro non saleu. O feito interpretouse no senso de qu´o lobo aquí era un que tiña a fada*…¨.

Vicente Risco
¨Un caso de Lycantropía (O home-lobo)¨
Discurso lido o día 23 de febreiro do 1929 na súa recepción pública na Real Academia Galega.

*Unha fada é unha maldición.


viernes, 1 de agosto de 2014

Homenaxe do Concello de Sandiás á revista Nós

Cuberta dunha das revistas onde aparece o artigo de Urbano Santana (O número 93). A Cuberta da revista Nós é un dos deseños máis coñecidos de Castelao. 
O número 8 da revista cultural e turística do Concello de Sandiás, A Torre do Castro, recupera os traballos  sobre a parroquia de Sandiás publicados en diferentes números da revista Nós en 1931.
Coa intención de homenaxear á xeración da revista Nós, a revista A Torre do Castro recupera os traballos de recompilación de tradicións, lendas, contos, etc.,  da parroquia de Sandiás publicados no ano 1931, cumprindo desta maneira cun dos principais obxectivos desta revista, a salvagarda e a promoción do patrimonio material e  inmaterial do concello de Sandiás e da Limia.
Neste novo número recuperouse, para que chegue ao maior número de persoas interesadas, unha pequena xoia da etnografía sobre o concello de Sandiás , que xa atesoura máis de 80 anos. Trátase da colaboración do veciño de Sandiás, Urbano Santana, na revista Nós a través do seu ¨Resume xeneral do folk-lore de Sandiás¨,  publicado en varios números do ano 1931. Neste traballo recompilaronse  lendas, refráns, expresións, etc., así como outros datos de interese (arquitectura, vestimenta, etc.) da parroquia de Sandiás,  textos que nos transportan a outros tempos e a outros modos de vida, que aos máis novos poden resultarlles moi afastados. Trátase dun traballo que co paso do tempo adquiriu máis valor,  xa que permitiu que moitas das lendas, contos, etc., non pasasen ao esquecemento de non ter sido recompiladas por ninguén, como tristemente está a suceder en moitas zonas da nosa Terra. Coa publicación deste traballo, feito nunha época na que o galego non se estudaba na escola nin en ningures,  o Concello de Sandiás quere promover iniciativas que potencien a estima pola nosa lingua e polo noso patrimonio cultural, para que sexa coñecido e valorado polas xeracións máis novas. 

A revista pode consultarse tamén en formato dixital (PDF) no seguinte ligazón:
Así mesmo, o número 8 da revista cultural e turística do concello de Sandiás contén un apartado dedicado á V edición da Carreira Popular Torre do Castro, ademais dun apartado dedicado o arquivo fotográfico do concello cunha nova recompilación de vellas fotografías, recollidas entre as veciñas que acudiron ás actividades de animación sociocultural do Concello de Sandiás , celebradas nos centros sociais das tres parroquias.