miércoles, 28 de septiembre de 2016

O último número d´A Torre do Castro” (Ano 2014) recuperou os traballos de recompilación de tradicións, lendas, contos, etc., da parroquia de Sandiás publicados no ano 1931 na revista Nós.



“A Torre do Castro” recuperou no seu número do ano 2014 os traballos de recompilación de tradicións, lendas, contos, etc., da parroquia de Sandiás publicados no ano 1931 na revista Nós.
O número 8 da revista cultural e turística do Concello de Sandiás “A Torre do Castro”, recuperou os traballos sobre a parroquia de Sandiás publicados en diferentes números da revista Nós en 1931.
Coa intención de homenaxear á xeración da revista Nós, a revista A Torre do Castro recuperou os traballos de recompilación de tradicións, lendas, contos, etc., da parroquia de Sandiás publicados no ano 1931, cumprindo desta maneira cun dos principais obxectivos desta revista, a salvagarda e a promoción do patrimonio material e inmaterial do concello de Sandiás e da Limia.
Neste último número recuperouse, para que chegue ao maior número de persoas interesadas, unha pequena xoia da etnografía sobre o concello de Sandiás , que xa atesoura máis de 80 anos. Trátase da colaboración do veciño de Sandiás, Urbano Santana, na revista Nós a través do seu ¨Resume xeneral do folk-lore de Sandiás¨, publicado en varios números do ano 1931. Neste traballo recompilaronse lendas, refráns, expresións, etc., así como outros datos de interese (arquitectura, vestimenta, etc.) da parroquia de Sandiás, textos que nos transportan a outros tempos e a outros modos de vida, que aos máis novos poden resultarlles moi afastados. Trátase dun traballo que co paso do tempo adquiriu máis valor, xa que permitiu que moitas das lendas, contos, etc., non pasasen ao esquecemento de non ter sido recompiladas por ninguén, como tristemente está a suceder en moitas zonas da nosa Terra. Coa publicación deste traballo, feito nunha época na que o galego non se estudaba na escola nin en ningures, o Concello de Sandiás quere promover iniciativas que potencien a estima pola nosa lingua e polo noso patrimonio cultural, para que sexa coñecido e valorado polas xeracións máis novas.
https://issuu.com/torredocastro/docs/revistaatorredocastro82014

sábado, 24 de septiembre de 2016

O número 3 da revista A Torre do Castro Nº 3 (Ano 2009).


Neste número seguimos dando a coñecer aspectos relacionados coa historia da lagoa de Antela, neste caso por medio dun artigo que nos fala do primeiro proxecto de desecamento da lagoa presentado a mediados no século XVIII pola Academia de Agricultura do Reino de Galicia que foi publicado nunha versión máis extensa na revista Lethes. Así mesmo facemos unha breve biografía dos primeiros emigrantes de Sandiás en América, Alonso de Santana e frei Xosé Seguín, nuns séculos nos que a emigración galega cara a ese continente era moi puntual. Nos artigos dedicados o noso patrimonio histórico-artístico falamos das igrexas das tres parroquias do noso concello, así como da Pedra Alta, un dos símbolos da Limia. Na recompilación de vellos artigos dedicados ó noso pasado máis cércano, botamos man dun artigo publicado por Vicente Risco no ano 1957 na revista Vida Gallega no que se nos fala da Limia de antes do desecamento da lagoa de Antela. No apartado dedicado ó noso patrimonio inmaterial seguimos tendo as lendas sobre mouros, encantamentos e o San Bieito da Uceira que foron publicadas na revista Nós no ano 1931 polo veciño de Sandiás, Urbano Santana.
https://issuu.com/torredocastro/docs/atorredocastro3

O número 2 da revista cultural do Concello de Sandiás lembraba o cincuentenario do comezo das obras de desecación da lagoa de Antela (1958-2008).

O número 2 da revista cultural A Torre do Castro (Nº 2 - ANo 2008), tiña como tema principal, o cincuentenario do comezo das obras de desecación da lagoa de Antela (1958-2008).
Este segundo número centrause sobre todo na recuperación da memoria histórica da lagoa de Antela. Para iso botabase mán dun artigo publicado en 1958 co gallo do comezo da obras de don Ramón Otero Pedrayo, baixo o título ¨Se quiebra el mágico cristal¨, que ben puido se-lo epitafio da lagoa. Tamén inclue unha serie de curiosidades sobre a lagoa de Antela, como son a existencia de palafitas, o uso médico das coñecidas samesugas, etc.. Noutro artigo dedicábase a dar a coñecer a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela), centro que comezou a funcionar coincidindo co ano no que se cumprían os 50 anos do comezo das obras de desecamento. No apartado dedicado ó noso patrimonio inmaterial aparecen neste número algunhas das lendas que existen sobre a torre do Castro, un dos símbolos do noso concello, e o san Bieito da Uceira, que foron publicadas na súa maioría na revista Nós no ano 1931 polo veciño de Sandiás, Urbano Santana.
https://issuu.com/torredocastro/docs/atorredocastro2008numero2/

viernes, 23 de septiembre de 2016

O primeiro número da revista cultural do Concello de Sandiás, A Torre do Castro (Ano 2007)

Atopámonos ante o primeiro número da revista cultural do concello de Sandiás, feita coa intención de darse a coñecer e servir de guía para os veciños e visitantes do noso concello. Neste número centrarémonos nos aniversarios do ano 2007 que teñen relación co patrimonio do noso concello. O primeiro deles son os 400 anos do remate do retablo de santo Estevo de Sandiás (1607-2007), no que traballou un dos máis grandes artistas do século XVII en Galicia: Francisco de Moure. Logo temos o 540 aniversario do derrubamento polos irmandiños da torre do Castro durante a revolta irmandiña de 1467. No apartado dedicado ó noso patrimonio inmaterial botamos man das lendas sobre a lagoa de Antela que foron publicadas en numerosos libros e revistas de divulgación, incluíndo a revista Nós. Co gallo da próxima inauguración da Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela) aproveitamos para repasar a cronoloxía dos numerosos intentos de desecamento da lagoa de Antela, así como algunha da bibliografía existente sobre ela. Rematamos este primeiro número cunha mostra de vellas fotografías, xentileza do veciño de Piñeira de Arcos e coñecido escritor, Luís Otero, co que se podería falar da creación dunha galería de imaxes da memoria colectiva do noso concello.